jueves, 21 de febrero de 2013

Parlamentar con présa



Dende que tomei conciencia política fun seguidor habitual dos debates sobre o estado do Estado. No romanticismo aquel, tiña a idea de vislumbrar novas e xeitosas iniciativas que no futuro cambiaran o malo existente, polo bo esixido. Tamén de recoller discursos ben alicerzados ou aplaudir a determinados políticos de virtuosa fala. Emporiso, van alá uns anos nos que nin polo descuido entro no Congreso. Nada conservo do fervor aquel, e do debate parlamentario só clarifico a impostura.

Con todo, paradoxalmente, hai unha inquedanza que dende aqueles primeiros anos de concienciación se mantén imperturbable: A tristura fonda que me dá o feito de que Galicia non teña a posibilidade de vertebrar un discurso propio, -¡Inda con impostura caramba!- con tempo para pausas e réplicas, como teñen os vascos e os cataláns.

O mal ten que ver coas maiorías que saen das urnas nas eleccións ó Parlamento español, de cuxos resultados se deriva a posibilidade de formar grupo parlamentario propio. Galicia nunca acadou o número de escaños precisos para ter un grupo de seu no parlamento, polo que sempre tivo que discursar con présas compartidas (co nome de Coalición Galega ou de Bloque Nacionalista Galego), a través do chamado Grupo Mixto.

É por iso que sempre votei ó BNG nas escollas de diputados ó Parlamento español. Defendo que este non é, nin moito menos, un voto perdido. Porque ter voz -pausada- con obriga de ser escoitada -e contestada- no Parlamento estatal, é unha importante arma política. E non só pola palabra dita. Tamén porque contar cun grupo xeitoso de parlamentarios que miren cara Galicia, é contar cunha forza que, chegada unha concreta toma de decisión xeral, poida facer valer o seu número e negociar ou consensuar, o sentido do seu voto a cambio de singulares bondades lexislativas nos eidos que máis afecten a Galicia -pesca, agricultura, gandeiría...-. Eses intereses que, non sendo tan sequera “asunto” noutros territorios, sí sexan capitais, polas súas particularidades non compartidas polo resto da península, para a economía galega. Penso que ese grupo parlamentario propio, de cantos máis deputados mellor, axudaría moito á prosperidade de Galicia.

Os cataláns e os vascos, debate tras debate dende aqueles románticos tempos, seguen a xogar esa estupenda baza parlamentaria. Vailles moi ben, e a miña envexa -sana ou malsana-, aínda perdura.

No hay comentarios:

Publicar un comentario