viernes, 17 de octubre de 2014

A España grotesca

Resúltame dolorosa e dramática a paupérrima imaxe do ministro de exteriores de España J. M. García-Margallo na bancada da Asamblea da ONU aplaudindo -como se lle deran as olimpiadas- a incursión -de novo-, de España no Consello de Seguridade da ONU por dous aniños.

Logo dixo que España era unha gran nación... O que me lembrou a aquel capítulo do irregular -pero moi entretido- serial intitulado Game of Thrones, onde o rapaz que intrepreta ó Rei, perante dun desaire que non lembro, berraba reivindicando respeto, polo feito simple de que el era o Rei, contestándolle o seu avó, que un Rei de certo nunca precisa dicir que é o Rei.

É de supoñer que os membros permanentes do arcaico Consello de Seguridade, autoerixidos pola forza bélica en xendarmes do mundo, estarán tan acostumados a este tipo de cómicas -por insignificantes- celebracións, que nin miran para elas.





miércoles, 26 de marzo de 2014

O mito é un muro insondábel

O mito histórico das dúas Españas semella un muro insondábel. Longo como a eternidade, alto coma o universo. Un mito ou ficción secular que espande ó ar dos seus lados unha brétema invisíbel de pensamentos opostos e fondamente enfrentados.

Dúas Españas/dous tipos de españois. Dúas ópticas de España, dous pensamentos de España. Pero cando un pensamento non vai razonado, non é pensamento.

Sucede que nas dúas Españas non se discute ou opina según un pensamento -porque non existe- senón según o lado do muro invisíbel do mito no que a potencia in/opinante se sitúe. Non hai máis cuestión. Os asuntos sucédense e aparecen no debate, e xa a afiliación no muro/mito determina a postura. É moi sinxelo. Deixarte levar pola oposición simple coma un dogma de fé; Contra Satanás non cabe razón. Do maligno, nada bo.

E vai que foron as dignas marchas pola dignidade que confluiron logo en Madrid. E foron necesarias. E foron exitosas. E foi que despois, uns marrulleiros delincuentes camufláronse de reivindicantes e fixeron camiño a pedradas artellando unha triste noite de guerrilla sanguinaria. Os que alí se manifestaron, son dignos de todo respeto e admiración. Os que alí combateron, non son demócratas e prodúcenme repulsión.

Pero o muro/mito das dúas Españas sembra a brétema (in)pensante no tempo longo que ven despois; Non hai cuestión. Non hai reflexión. O mito vertebra a opinión:

E uns zarrapican con manipulación a magnífica mostra de dignidade da Marcha (digna, solidaria e moi humana) que pedía para a sociedade o que lle corresponde á sociedade. Namentras outros zarrapican protexendo ós delincuentes agresivos -profesionais do disturbio- asumindo, xa que logo, coma propios da Marcha tales actos dementes.

Nin uns nin outros merecen atención racional.

miércoles, 5 de febrero de 2014

O monte falido (fallado)

Estes tempos axitados pola crise, van relanzando a idea da volta á sociedade de clases.

O poder do capital -como cadal, esa pandemia universal, amoral e viciosa-, ven sendo o poder dos que o teñen. E ese poder real do carto (tanto tes - tanto vales), vai impoñendo aos poucos, por inercia histórica, a sociedade clasista. España, nesta hora, camiña cara atrás no tempo. No albor, preséntasenos a volta á sociedade estatrificada: Monarquía, (Clero, Nobreza) Burguesía e Plebe.

E foi nesa dominante universal do mercado financieiro, onde se acomodou unha crise que, á volta do tempo, revelouse coma unha magna estrataxema global do sistema capitalista para reorganizar a riqueza.

É palmario que nos últimos tempos -antes da “caída económica”-, fluía o carto con certa solvencia entre as clases medias e baixas, o que esvarecía a imaxinaria liña que separa ás clases sociais. Emporiso, foi na estadía da crise financieira cando os (plebeos) traballadores, que parecía que ían ben surtidos na vida (albanéis, fontaneiros, pintores, carpinteiros, tendeiros... “currantes” en xeral), empezaron a caer coma moscas atrapadas no sistema de créditos e capitais deseñado polos banqueiros burgueses en complicidade coa lexislación permisiva dos gobernantes (a nova nobreza).

Eso foi ó que chamaron CRISE... Mais non foi unha crise... cando menos non foi unha crise global que afectara a todos os estratos da sociedade. Foi/é outra cousa. Porque durante estes anos de “crise”, namentras as clases medias ían perdendo riqueza e converténdose sen remedio en plebe, aumentaron -nembargantes- o número de ricos (burguesía) que, a pesares da situación ecomómica, cada vez son máis ricos máis ricos
Tamén son inxentes os exemplos que durante este período de “crise” se sucederon, e que amosan de xeito palmario o saqueo ás clases medias. Exemplos que reinciden, asemade, no fortalecemento das clases poderosas. A saber: Reducción nos salarios (beneficio para o empresario), a institución de taxas xudiciais (beneficio para os demandados ricos), copagos farmacéuticos, recurtes a eito no gasto público baixo o paraugas do déficit (beneficio do sector privado)... vs rescates aos bancos/banqueiros ou a amnistía fiscal.

Nesta situación de rara crise na que, efectivamente aumentan os pobres, pero os ricos son máis ricos, prodúcese -necesariamente, ou consecuentemente- unha significada fenda na sociedade, o que nos leva a unha vertebración pronunciada das clases sociais.

Denantes da operación “crise”, a sociedade levaba a forma dun monte; Era dificil subir á cima, pero bastaban as pernas, o esforzo persoal e a capacidade de sufrimento para chegar arriba. Agora, tras deste período, a burguesía poderosa (os grandes empresarios e poderes fácticos que detentan a riqueza) e a nobreza (os políticos con poder), foron resquebraxando ese monte. Fixeron fallas e quedou feito chanzos. Seguirá sendo posible subir, pero haberá que mercar esqueiras. Quen teña cartos.

É por iso que, cando a situación para o cidadán medio é cada vez máis comprometida e agónica, din que España saíu da crise. Porque a “crise” é un disfraz. Un veo para voltar á sociedade clasista. Nese sentido, é evidente que a “crise” vai concluíndo: O clasismo está pronto a consolidarse.

viernes, 31 de enero de 2014

O desfile

O ímpetu insurrecto da revolta necesaria, volta vulgar ao pouco de nacer. Pasa porque a rabia pode máis que a razón -nese primeiro albor-, e a codia insurxente que contén a sabia, é moi grosa e impermeábel.

Nesa queda que lle toca á infanta perante da xustiza, danse as circunstancias perfectas para medir a dimensión seria da indignación que, ó socaire da multitude ociosa ou curiosa, medra nas ganas de ver un desfile que nada dá. Sen beneficio real para a sociedade, algúns parecen entender que o trunfo da xustiza pasa por aí.

A min, que non son monárquico, non me interesa nadiña a andaina da infanta. Incluso paréceme que o desfile-espectáculo tense que evitar. Emporiso, esa arcana costume de recrearse na humillación do semellante é moi propia da humanidade. A historia -e a literatura- ofrecen moitos exemplos.

Polo de pronto, sabemos que a filla do que lle din Rei vai ir a falarlle ao xuíz. Con iso, até máis ver, eu vou servido.

viernes, 20 de diciembre de 2013

O meu Nadal agnóstico



Na cuestión do nadal hai cristiáns meticóns, algúns amigos, que teiman en chafarnos estas festas de bos papares, beberes e folgares aos que conscientemente somos ateos, agnósticos ou incrédulos. As retóricas destes meus amigos católicos baseánse na tradición devota do asunto, e o fan, certamente, sen maldade algunha, e algúns ata con espíritu dogmático, e inciden na incoherencia palmaria de que un ateo celebre estas datas de nadal: Celebración cristián do nacemento de Xesús, o fillo de Deus.

E son eu Ateo. Non creo en deidade algunha. Emporiso, afirmo sen ruborizarme que podo celebrar a festa do nadal con máis lóxica e rigor que os meus benqueridos amigos cristiáns... E mesmo convencelos de que, se celebramos o nadal nesta data, o fillo de Deus non debería ser Xesús de Nazaret.

I é que nestes tempos de sabeduría, xa todos entendemos que Xesús, o fillo de Xosé o carpinteiro e María a virxe, non naceu en realidade un 25 de decembro. O asunto do nadal referido a Xesucristo, ven dado porque a relixión cristián apropiouse desta data para cristianizar o paganismo festeiro do solsticio de inverno. E fixérono ben, abofé, pero é claro que os cristiáns non poden celebrar o nadal, do latín nativĭtas” (natividade), porque Jesús non naceu nesa data.


Porén, os máis racionais incrédulos (e os cristiáns que queiran sumarse) sí podemos celebrar unha natividade concreta: A do o científico máis importante da historia, que sí que naceu un 25 de decembro. Isacc Newton.


Así é que cando me din tal, eu digo que celebro o nadal na honra de Isaac Newton, que non só naceu un 25 de decembro, senón que ademáis escribíu a que podemos dicirlle “Biblia da ciencia”: O Philosophiæ Naturalis Principia Mathematica (PRINCIPIA), magna obra que explica as leis que rexen o universo... Ese mesmo universo que según os relixiosos, creou Deus.


Como eu tamén gusto da mística, dame que pensar o feito de que os nomes de Isaac Newton e Jesús (Iesus) de Nazaret compartan as mesmas iniciais en latín (I.N.), e tamén en Hebreo (Isaac = Yishaq'el) (Xesús= Yoshua) o pode valer aos crentes para que se fagan unha pregunta ¿E se Deus renovou a mensaxe nos tempos nos que a ciencia ía zampando terreo á teoloxía? ¿E se o novo enviado de Deus fora Isaac Newton?... ¿Será o nacemento de Newton nesa data, e mesmo a sorte da mazá (novamente...Deus e a mazá) na testa coma orixe conceptual do seu PRINCIPIA, unha gran broma de Deus?... I é que Isaac en hebreo significa “Aquel co que ríe Deus”.


Neste sentido relixioso da vida de Newton, hai que resaltar unha rara circunstancia. A pesar de que a relixión e a ciencia semellan enfrentadas na súa búsqueda da orixe de TODO, resulta certamente estraño que Newton fora tamén un científico fondamente relixioso, e que mesmo deixara varios tratados de carácter teolóxico. ¿A nova Palabra de Deus?...


Sexa como sexa, Isaac Newton foi tan xenial, que permite que crentes e ateos podamos celebrar estas festas mantendo a coherencia.



¡Bo Nadal a todos!

martes, 10 de diciembre de 2013

Despois de Altamira, todo é decadencia

Din que dixo Picasso, con sorna e animosamente crítico. 

Nesa senda na que o pensamento arbitrariamente escolle os remansos, o meu levoume ata aí ó mirar a fotografía esta. Deuse nos funerais na honra de Nelson Mandela. 


O sensacionalismo mediático vai polo camiño de interpretar a estampa dende o prisma máis rosa. Historia de celos inconfesábeis. Eu prefiro pensar que se trata dun exemplo de educación e saber estar. 

¡Michelle Presidenta!

Xa se lle deras no cocote a esa tríada de bobos...

lunes, 7 de octubre de 2013

As taxas xudiciais como forza coactiva da Administración Pública


A Lei de Taxas, panacea para Administración Pública, que namáis ten que desestimar os recursos administrativos que non lle interesen -case sempre mediante a figura do "silencio..."- coa mala idea de que as taxas exerzan de singular forza coactiva que venza á teima de condena dos administrados, e que finalmente desistan de acudir ós xulgados do contencioso-administrativo a demandar á Administración.

Emporiso, o administrado -paradóxico eufemismo-, teimudo na loita polos seus dereitos, antes de solicitar xustiza ó xuiz terá que pasar por caixa e pagar as taxas. E canto máis grave sexa o mal que a Administración lle causou, peor; A taxa a pagar está íntimamente relacionada coa cuantía do procedemento. Porén, a taxa será máis elevada canto maior sexa o prexuízo -a maior prexuízo, maior cuantía- derivado do mal funcionamento da Administración.


Moitos, como relaciona a nova, quedan xa no camiño por mor destas taxas “clasistas”

E a Administración libre de toda culpa.

Un abuso.