miércoles, 25 de septiembre de 2013

O auto- sospeitoso


Supón un esforzo, que non me apetece, ter que facer creto no asunto lexislativo da transparencia e a loita motu proprio contra a corrupción. Paréceme moi lóxica a inclinación a pensar que aqueles que demostran que non son quen de manterse no poder sen acadar algún xeito de beneficio (ou, no seu defecto, de calar e non amosar belixerancia contra os devanditos réditos), queiran ir polo sendeiro formal de autoimporse trabas que lle impidan beneficiarse no futuro das lagoas normativas que eles mesmo descubren para encher o peto.

Na vista dos defectos do sistema, e de que algúns deles -peixes grosos-, están sendo investigados, inclínome a pensar que as reformas levan máis razón en perfilar a evasión, que en evitala. Neste sentido interpreto as declaracións últimas do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, D. Francisco Javier Vieira Morante, que ben de proclamar ós ventos de opinión, a panacea duns tribunais especializados nestes delitos de corrupción.

O mesmo que unha enfermidade é máis doada de controlar canto máis localizábel apareza, un tribunal ad hoc antóllaseme, a priori, moito máis fácil de controlar polos poderes fácticos interesados, que o xuíz competente do turno. Primeiro producimos o órgano. Xa despois, co tempo, imos perfilando. Nada novo baixo o sol.

Non mola.

Nembargantes, aínda me gustan menos as declaracións do Fiscal Superior de Madrid (tamén de Madrid) D. Manuel Moix Blázquez, cando di que tales delitos de corrupción, ademáis de ser xulgados por tribunais ad hoc, deberían de ser previamente instruídos polos representantes do incorruptible (a cursiva é miña) Ministerio Público. Máis focalización. Tocada (non para o romántico) e perenne.

Non mola nada.

Iso sí, todo elo vai ser vendido no comercio da opinión, coma unha necesaria renovación do obsoleto sistema procesal e polo lexislador, coma un gran esforzo de autolimitación e autocontrol.

No hay comentarios:

Publicar un comentario