Dende que tomei conciencia política
fun seguidor habitual dos debates sobre o estado do Estado. No
romanticismo aquel, tiña a idea de vislumbrar novas e xeitosas
iniciativas que no futuro cambiaran o malo existente, polo bo
esixido. Tamén de recoller discursos ben alicerzados ou aplaudir a
determinados políticos de virtuosa fala. Emporiso, van alá uns anos
nos que nin polo descuido entro no Congreso. Nada conservo do fervor
aquel, e do debate parlamentario só clarifico a impostura.
Con todo, paradoxalmente, hai unha
inquedanza que dende aqueles primeiros anos de concienciación se
mantén imperturbable: A tristura fonda que me dá o feito de que
Galicia non teña a posibilidade de vertebrar un discurso propio,
-¡Inda con impostura caramba!- con tempo para pausas e réplicas,
como teñen os vascos e os cataláns.
O mal ten que ver coas maiorías que
saen das urnas nas eleccións ó Parlamento español, de cuxos
resultados se deriva a posibilidade de formar grupo parlamentario
propio. Galicia nunca acadou o número de escaños precisos para ter
un grupo de seu no parlamento, polo que sempre tivo que discursar con présas compartidas (co nome de Coalición Galega ou de Bloque
Nacionalista Galego), a través do chamado Grupo Mixto.
É por iso que sempre votei ó BNG nas
escollas de diputados ó Parlamento español. Defendo que este non é,
nin moito menos, un voto perdido. Porque ter voz -pausada- con obriga
de ser escoitada -e contestada- no Parlamento estatal, é unha
importante arma política. E non só pola palabra dita. Tamén porque
contar cun grupo xeitoso de parlamentarios que miren cara Galicia, é
contar cunha forza que, chegada unha concreta toma de decisión
xeral, poida facer valer o seu número e negociar ou consensuar, o
sentido do seu voto a cambio de singulares bondades lexislativas nos
eidos que máis afecten a Galicia -pesca, agricultura, gandeiría...-.
Eses intereses que, non sendo tan sequera “asunto” noutros
territorios, sí sexan capitais, polas súas particularidades non
compartidas polo resto da península, para a economía galega. Penso
que ese grupo parlamentario propio, de cantos máis deputados mellor,
axudaría moito á prosperidade de Galicia.
Os cataláns e os vascos, debate tras
debate dende aqueles románticos tempos, seguen a xogar esa estupenda
baza parlamentaria. Vailles moi ben, e a miña envexa -sana ou
malsana-, aínda perdura.